AMOEBO

11/07/2024

21:30

Amoebo é efervescencia, unha reconstrución da verbena galega, unha proposta de música urbana que se alimenta de ritmos latinos e do idol pop dos anos 80. Amoebo é festa e diversión sen tapuxos, bailes desmedidos e moito humor, todo isto reflectido en temáticas que tocan o costumismo galego, o amor, o sexo e o día a día da xuventude galega, desde unha visión do neto que mira con nostalxia ao rural desde un entorno máis urbano.

A banda propón directos cunha alta intensidade que incitan a mover as cadeiras e a chorrear de suor. Amoebo imita o formato orquestra a pequena escala, con interacción co público, bailes e escenografía sen fin. A súa síntese de sons que evocan ao pasado -como o funk pop, as cumbias, as bachatas e os merengues- con sons máis actuais -como o autotune e os drums agresivos- forman un cóctel explosivo que non deixa indiferente a ninguén. A súa é unha proposta interxeneracional e inclusiva, que busca romper estereotipos, con cancións como medicina para a presión da vida cotiá, para crear un espazo de reconciliación coa diversión, o baile, a verbena e o rural galego. En Amoebo no hai cabida para las vergoñas e os complexos. Todos somos libres de gozar do que somos e do xeito que queiramos.

Amoebo foi ideado e creado en 2022 por Aaron Valle (frontman, cantante e músico), a quen non tardaron en sumarse David Fernández (músico e produtor) e Gloria Campello (produtora e responsable de audiovisuais). Lanzaron o seu primeiro sinxelo, “Primeiro pase”, no mes de abril de 2022, avanzando a súa síntese de sons e dando as primeiras pistas do que sería seu enérxico directo. En verán de 2022 gañaron o concurso Sonidos Mans e participaron no Festival de la Luz, xirando desde entón por múltiples puntos de Galicia. No 2023 avanzan novos singles do que será o seu primeiro LP, Cada vez mellor. Neste traballo, con influencias de artistas como Dua Lipa ou Lali, mesturan o disco, o pop-funk, a electrónica e os ritmos latinos e urbanos actuais, nun cóctel explosivo para non deixar de bailar.

Sigue en Spotify a nosa lista desta edición