Jonydasvie
Jonydasvie, nome artístico de Jonathan Dasilva Vieira, é un cantante e compositor galego nacido en Lourenzá. Desde pequeno mostrou unha forte paixón pola música, participando en concursos e en programas da TVG como Luar e Bamboleo, onde comezou a definir o seu estilo.
Ao longo da súa traxectoria interpretou temas propios en televisión e formou parte de orquestras como Venezia. En 2022 presentouse ao Benidorm Fest coas cancións Más e Me da lo mismo, e en 2023 foi preseleccionado para Una voce per San Marino entre máis de mil aspirantes. Ese mesmo ano lanzou o sinxelo Con Locura, iniciando unha etapa máis independente. En 2025 ampliou o seu repertorio con temas como Carmiña Carmela e Ansiedad.
Influenciado por Lady Gaga, artista que marcou o inicio da súa vocación, Jonydasvie presentará no Atlantic Pride un espectáculo especial que combina cancións propias cos grandes himnos da artista. O show, estruturado como unha viaxe emocional, contará con cinco bailaríns, coreografías coidadas e unha produción escénica ambiciosa.
Con identidade propia e unha proxección ascendente, Jonydasvie busca consolidarse como unha voz destacada do pop e urbano actual, ofrecendo un directo intenso, persoal e sorprendente.
























