LONTREIRA

09/07/2024

22:30

Adriana Cores, Héctor Rodríguez (Rotce) e Iván Barral son os tres compoñentes de Lontreira, grupo de música en galego con raíces na Illa de Arousa e con Vigo como berce da súa formación. Desde os seus inicios no verán 2022, Lontreira non deixa de dar pasos de xigante na industria musical, compoñendo sen descanso novos temas e argallando directos que logren sorprender ao espectador, converténdose nunha prometedora banda emerxente galega. O seu tema Corazón de toxo foi elixido canción do verán en Galicia en 2022 pola CRTVG e, con ela, visitaron citas tan imprescindibles como o Surfing The Lérez, o Atlantic Fest ou o 17º, entre moitos outros festivais. No ano 2023 foi elixida finalista na categoría de banda emerxente nos 10º Premios Martín Códax da Música, e foi, tamén, unha das 14 bandas seleccionadas entre máis de 300 para participar no MUMI  Músicas do Minho 2023.

Lontreira presentou en 2023 o seu primeiro traballo discográfico, Apnea, que intercala poemas e cancións para ir narrando singraduras da vida a través das conexións especiais cos espazos naturais que lles rodean. Para Héctor Rodríguez, teclista e compositor do grupo, a música é unha vocación que quere transformar en profesión. Para Adri, a música é unha afección “herdada polo ambiente cultural no que me criei na casa” coa que quere transmitir a súa paixón polo medio natural. Pola súa parte, Iván Barral, guitarrista autodidacta e último en incorporarse a Lontreira, é o encargado de lanzar as “balas guitarreiras” que envolven de melodía ao público. Xuntos crean arte, unha arte que queren compartir na terra que a inspira, Galicia, e a complicidade co seu público. Sen dúbida, a troupe pode presumir de cargar cada directo con novidades e postas en escena que pouca xente agarda ver.

Sigue en Spotify a nosa lista desta edición