MONDRA

Mondra é artista, cantareiro e bailador. Medra vencellado á música e ao baile tradicional galego, así como ao teatro e ao audiovisual. Desde 2021 forma parte, como como vocalista e bailador, de DeMente, a compañía de danza Fran Sieira, responsable dunha das pezas con maior percorrido na historia da danza galega. No 2024, recibirá o Premio Alfredo Iglesias, da Revista Coralia, a artista revelación. En setembro de 2023, publica ARDĒN (Altafonte Music Spain), o seu primeiro traballo discográfico, producido por Berto. O álbum presenta unha experiencia musical, visual e performativa, en diálogo coa música tradicional galega. É unha proposta íntima e irreverente a un tempo, un relato de resistencia e celebración.

Os primeiros avances do álbum, SACOdePULGAS e beijos de LK, superan as 50.000 escoitas no Spotify, plataforma na que o artista acumula máis de 17.000 oíntes mensuais. PUNHETA!, en colaboración coas Fillas de Cassandra, supera as 240.000 reproducións na plataforma e máis de 40.000 visualizacións no YouTube, sendo un dos temas máis escoitados no verán do 2023 na Galiza. RUANDO, a carón de AIDA (Tanxugueiras), aglutina preto de 100.000 reproducións no compendio das plataformas.

Mondra estrea o seu primeiro espectáculo, a FOLĪA das ARDENTES, en abril do 2023, dando inicio a unha xira de máis de trinta concertos ao longo de todo o territorio galego. Aclamado pola crítica, o espectáculo foi acollido por grandes festivais galegos como as Revenidas, o Festival da Luz ou o Agrocuir. A FOLĪA das ARDENTES é un espectáculo de gran formato que tende unha man á percusión tradicional galega e á electrónica, e outra ás danzas urbanas. O espectáculo, baixo a dirección artística do bailarín e coreógrafo Daniel Rodríguez, abre unha porta á terra ARDENTE. Son ARDENTES Artur Puga e Julia Sánchez-Biezma, ás percusións; e Sabela Domínguez, Julia Laport, Jandros Rodríguez e Daniel Valde, na danza. Na presentación do álbum ARDĒN, nas salas Capitol e Rebullón, Mondra esgotou todas as entradas días antes dos concertos.

Sigue en Spotify a nosa lista desta edición