ATLANTIC DRAG! 2026

O festival Atlantic Pride da Coruña está de noraboa co nacemento, no marco da súa sétima edición, dunha nova proposta artística: O Atlantic Drag!  Con ela, o ‘Orgullo do Norte’ coruñés propón, o tarde-noite do luns 6 de xullo, unha divertida homenaxe ao talento drag local, á súa forza escénica e a toda a creatividade, a liberdade e a reivindicación humorística e festiva que a arte drag supón para a cidade.
 
As raíñas do transformismo que encherán de orgullo o Atlantic Drag na Praza de Pontevedra serán Agata Terrier, Ball Monte, Cloe Savage, Escarlatina Pier, Kara, Kelly Amethyst, Meri Krishna, Nomi Bull, Rrrita, Venus Electra e Xen, todas elas, recoñecidas caras de espazos de referencia da escena drag galega, como o Claro Boba! ou It’s Time for Drag.

O Atlantic Drag! nace como a gran celebración do drag coruñés dentro de Atlantic Pride, unha proposta creada para recoñecer, visibilizar e poñer en valor o talento local que, desde hai anos, forma parte esencial da vida cultural, artística e nocturna da cidade. Máis ca un espectáculo, Atlantic Drag é unha homenaxe ás artistas que, a través da escena, da estética, da palabra, do humor, da música e da performance, converten o drag nunha poderosa expresión de liberdade, identidade e creatividade.

A Coruña conta cunha escena drag viva, diversa e con personalidade propia, que contribúe de maneira decisiva a facer da cidade un espazo máis libre, máis plural e máis orgulloso. Atlantic Drag! quere celebrar precisamente iso: a forza dun talento que entretén, emociona, transforma e reivindica; unha forma de arte que non só enche os escenarios, senón que tamén constrúe comunidade, xera referentes e amplía os límites da expresión cultural.

Dentro de Atlantic Pride, Atlantic Drag! será un espazo de encontro, celebración e recoñecemento, pensado para aplaudir ás artistas da cidade e para compartir co público toda a potencia escénica, humana e simbólica do drag coruñés. Unha festa do talento local e da diversidade en estado puro, que reivindica o escenario como lugar de visibilidade, liberdade e orgullo.