A cidade na que ninguén é forasteir@

Benvidxs á Coruña, unha cidade aberta ao mar, á diversidade e á liberdade.
A Coruña leva anos consolidándose como un dos destinos máis acolledores do norte peninsular para o colectivo LGTBIQ+. Un lugar onde convivir, celebrar e sentirte parte da cidade desde o primeiro momento.
Esta guía reúne algúns dos espazos, proxectos, negocios e iniciativas que fan da Coruña unha cidade orgullosa os 365 días do ano.

A Coruña diversa

A Coruña é hoxe unha cidade aberta e diversa, pero ese camiño non se construíu da noite para a mañá. Detrás da visibilidade e dos dereitos conquistados hai décadas de activismo, reivindicación e traballo colectivo por parte de asociacións, colectivos e persoas que loitaron para facer da cidade un lugar máis libre e inclusivo.

A historia da diversidade na Coruña e en Galicia tamén ten nomes propios. Entre eles destacan Elisa Sánchez Loriga e Marcela Gracia Ibeas, protagonistas do que se considera o primeiro matrimonio entre dúas mulleres do que existe constancia documental no Estado español. En 1901, ambas conseguiron casar na igrexa de San Xurxo da Coruña, converténdose nun símbolo universal de amor, valentía e resistencia fronte aos prexuízos da súa época.

Nos últimos anos, a cidade consolidouse como un referente galego na defensa da diversidade afectivo-sexual e de xénero grazas ao impulso de múltiples iniciativas culturais, sociais e comunitarias. O traballo de entidades como a Asociación Orgullo Coruña (ORCO), ALAS A Coruña, Les Coruña ou Avante LGBT+, entre outras, contribuíu a crear espazos de encontro, apoio, visibilidade e reivindicación para o colectivo.

Este traballo colectivo tamén se reflicte na vida cultural da cidade, con propostas de referencia como o Atlantic Pride ou o Corufest, que converten A Coruña nun espazo de encontro, celebración, creación artística e reivindicación da diversidade.

Aínda quedan retos por afrontar, pero A Coruña pode presumir de ser unha cidade que segue avanzando cara a unha sociedade máis igualitaria, onde cada vez máis persoas poden vivir a súa identidade e expresar o seu afecto con liberdade. Unha cidade orgullosa da súa diversidade e convencida de que a inclusión é un valor que nos fai mellores a todas e todos.

Asociacións

ORCO – Orgullo Coruña

A Asociación Orgullo Coruña (ORCO) é unha entidade sen ánimo de lucro creada para promover a visibilidade, os dereitos e a participación do colectivo LGTBIQ+ na cidade. Entre os seus proxectos destaca a organización do Atlantic Pride, o festival do Orgullo do Norte, así como outras iniciativas culturais e comunitarias que contribúen a facer da Coruña unha cidade máis diversa e inclusiva.

LES Coruña

Asociación de mulleres que traballa pola igualdade e a visibilidade lésbica. LES Coruña promove espazos seguros de encontro, apoio mutuo, cultura e participación social, creando rede entre mulleres lesbianas, bisexuais e outras identidades afíns. Ademais, impulsa actividades culturais, formativas e comunitarias ao longo de todo o ano.

ALAS A Coruña

Fundada en 2010, ALAS é unha das entidades LGTBIQ+ de referencia en Galicia. Traballa na defensa dos dereitos do colectivo, o acompañamento a persoas LGTBIQ+, a sensibilización social e a loita contra a LGTBIfobia. Entre os seus proxectos destaca o Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia, un recurso pioneiro para a atención e rexistro de incidentes de odio e discriminación.

Recursos públicos

Servizo Municipal de Igualdade e diversidade

O Concello da Coruña conta cunha área específica dedicada á promoción da igualdade e da diversidade, que impulsa programas, actividades e recursos relacionados coa inclusión, a convivencia e a non discriminación.

Centro de Información ás Mulleres (CIM)

Recurso municipal gratuíto que ofrece información, orientación e asesoramento especializado en materia de igualdade, discriminación, dereitos e violencia de xénero. Un servizo de referencia para mulleres e persoas que precisen apoio ou acompañamento.

En caso de discriminación ou LGTBIfobia

Se sofres ou presencias unha situación de discriminación, acoso ou violencia por razón de orientación sexual, identidade ou expresión de xénero, podes solicitar apoio a través das entidades especializadas da cidade e dos servizos públicos de igualdade e diversidade.

Teléfonos de interese:

Emerxencias: 112
Policía Local da Coruña: 092
Policía Nacional: 091
Teléfono Arco da Vella (atención LGTBI de Galicia): 900 10 82 81

Aloxamento:

Marina 30

Situado no corazón da cidade, fronte á emblemática Marina coruñesa, Marina 30 combina a arquitectura tradicional das galerías da Coruña cun deseño contemporáneo e coidado. O establecemento conta coa insignia LGBTQ+ Friendly de Booking, un recoñecemento ao seu compromiso coa creación dun espazo acolledor, seguro e inclusivo para todas as persoas viaxeiras. Ademais, é o aloxamento oficial colaborador do Atlantic Pride dentro da iniciativa Stay Proud en Marina 30.

Bares e locais de ambiente & queerfriendly

Claro Boba!Rúa do Socorro, 37

Un dos grandes referentes actuais da escena queer coruñesa. Programación drag, festas temáticas, cultura, reivindicación e comunidade danse cita nun espazo diverso e acolledor que xa forma parte da identidade LGTBIQ+ da cidade.

BackstageRuela da Estacada, 4

Discoteca de ambiente cunha longa traxectoria na noite coruñesa. Música comercial, pop, éxitos de todas as épocas e un ambiente festivo que reúne a diferentes xeracións do colectivo.

La CúpulaAvenida de la Marina, 32

É o bar de copas perfecto para as persoas nostálxicas dos 2000. A música de hai dúas décadas mestúrase co bo ambiente deste agradable local, perfecto para gozar dunha noite de festa con amigues.

La UrbanaRúa Pastoriza, 10

Un local coñecido polo seu ambiente aberto, amable e inclusivo. Un bo lugar para compartir unhas copas nun entorno relaxado e diverso.

MilagroRúa Cordelería, 37

Bar de copas cunha estética alternativa e desenfadada. Un lugar ideal para comezar a noite, tomar algo entre amizades e deixar que a conversa flúa.

PuticlúRúa da Xustiza, 18

Un dos espazos máis singulares da cidade. Programación underground, ambiente diverso e unha aposta constante pola creatividade, a música e a liberdade de expresión.

Brunch e almorzos para empezar o día

Fábula CaféRua Alameda, 17

Un espazo luminoso e acolledor no corazón da cidade. Perfecto para un café de media mañá, un brunch tranquilo ou unha pausa entre visitas culturais.

Inzo – Coffee Designer – San Andrés, 62

Situado en pleno centro, combina café de calidade, deseño e un ambiente urbano moi agradable. Unha parada perfecta durante un paseo por San Andrés.

La Cantera Grand Cru CaféCiudad de Lugo, 36

Situado fronte a Palacio da Ópera que fusiona café de especialidade de tostadeiro propio cunha deliciosa cocina casera italo-gallega. Este espazo moderno e totalmente dog-friendly é unha parada gastronómica e de desconexión imprescindible na cidade da Coruña.

Miss MarujaZalaeta, 4

Un dos templos do brunch na cidade. Café de especialidade, repostaría caseira, opcións vexetarianas e unha carta dispoñible practicamente durante todo o día. O seu ambiente acolledor e desenfadado converteuno nun clásico tanto para visitantes como para coruñeses.

Onda Cafe FoundationPlaza Vista, 6

Un dos nomes imprescindibles para quen aprecia o café de especialidade. Un local moderno e agradable onde tomar un bo café, ler un libro ou simplemente ver pasar a cidade.

WacoRua Alameda, 2

Un dos referentes da nova escena gastronómica coruñesa para brunch e almorzos tardíos. Produtos coidados, pratos vistosos e unha atmosfera moderna e relaxada.

Librarías

El Galgo AzulAvenida da Gramela, 16

Un dos refuxios literarios máis queridos da cidade. A súa coidada selección de títulos inclúe literatura contemporánea, pensamento crítico, feminismos, diversidade e unha especial atención á edición independente. Un espazo acolledor onde sempre é fácil atopar unha recomendación acertada.

BerbirianaRúa de Santiago, 7

Moito máis que unha libraría. Berbiriana converteuse nun dos grandes puntos de encontro da vida cultural coruñesa grazas ás súas presentacións, conversas, exposicións e actividades arredor do libro. O seu catálogo combina literatura, ensaio, arte, arquitectura e pensamento contemporáneo.

Moito ContoRúa San Andrés, 35

Libraría independente especializada en narrativa, álbum ilustrado, literatura infantil e xuvenil. Un espazo aberto e comprometido coa diversidade, onde a recomendación personalizada e a proximidade son parte da experiencia.

Alita Cómics Rúa Orzán, 110

O paraíso para amantes do cómic, a novela gráfica, a ilustración e a cultura pop. Entre os seus andeis é posible atopar obras fundamentais da narrativa gráfica contemporánea, incluíndo títulos relacionados coa diversidade afectivo-sexual e de xénero.

Club de lectura Queeruña

Nado en 2016 no seo das Bibliotecas Municipais da Coruña, QUEERuña foi o primeiro club de lectura de temática LGTBIQ+ de Galicia e continúa a ser un dos proxectos culturais de referencia da cidade. Este espazo de encontro reúne cada mes a persoas interesadas na literatura, a cultura e as realidades do colectivo, promovendo o diálogo, a reflexión e a visibilidade a través dos libros. Coñecido polo seu compromiso coa difusión da cultura LGTBIQ+, o club foi recoñecido en 2025 co Premio Marcela e Elisa de ALAS A Coruña e colabora co Atlantic Pride na organización do Certame de Literatura LGTBIQ+, contribuíndo a impulsar novas voces e historias diversas.

Non marches de Coruña sen ver:

Praza de María Pita e a súa contorna
Mercado de San Agustín
Praza de Azcárraga
Xardín de San Carlos
Castelo de Santo Antón
Torre de Hércules e o seu parque escultórico
Monte de San Pedro
Praia de Riazor, o Orzán e o Matadeiro